Sábado decisivo para o fútbol galego, cos partidos Athlétic de Bilbao-Celta e Talavera-Rácing de Ferrol na RG

0
30

Santiago, 18.05.2023.-    A Radio Galega comeza as emisións deportivas desta fin de semana na noite do venres. A partir das 20.30 h analizará o completo calendario de retransmisións previsto ata o domingo, escoitando as roldas de prensa dos principiais adestradores e adestradoras dos equipos galegos e falando cos protagonistas que estarán sobre o terreo de xogo.

O sábado dispútanse dous partidos que poden ser decisivos. Na Primeira División, o Celta viaxa a San Mamés para visitar o Athlétic de Bilbao, onde buscará sumar os puntos que o acheguen á permanencia sen ter que agardar ás tres últimas xornadas do campionato. O desprazamento non é dos asequibles, pero o equipo vigués necesita dar un xiro tras os últimos resultados negativos.

Cando remate este encontro comezará a xornada unificada na Primeira Federación. O Rácing de Ferrol podería obter na penúltima cita do curso o ascenso directo á Segunda División despois de acceder ao liderado o domingo pasado. O equipo departamental necesita a vitoria no campo do descendido Talavera e que o Alcorcón perda no do San Fernando Isleño. De puntuar o equipo madrileño, o regreso á categoría profesional tería que agardar ao sábado 27 na Malata ante o Celta B. Ademais, o Deportivo ante o Alxeciras e o Celta B ante o Ceuta competirán en Riazor e Balaídos, respectivamente, para garantir praza nas eliminatorias de promoción.

Ofrecerase tamén o Lugo-Huesca, no Anxo Carro, na despedida do conxunto galego ante a súa afección do fútbol profesional. Mentres, o Pontevedra afronta a última viaxe na Primeira RFEF como equipo xa descendido, pero coa obriga de competir ante o Badaxoz, que xoga a permanencia. O desenlace da final autonómica de ascenso á Segunda RFEF entre o Arousa e o Vilalbés completa a axenda futbolística.

O sábado é ademais o día do proxecto #GaliciaEnXogo. Ás 13.00 h, Alfonso Pardo visita o concello de Carballeda de Avia para falar dos xogos tradicionais practicados por mulleres. Pola noite, de 23.00 a 00.00 h, chegarán os espazos dedicados ao motor e aos galegos que preparan os Xogos de París 2024.

O domingo, ás 11.45 h, a edición matinal do ‘Galicia en Goles’ contará desde o Vero Boquete o primeiro partido da semifinal de ascenso á Primeira RFEF entre o Compostela e o Tarazona de Aragón. Tamén haberá cobertura para a semifinal polo ascenso á Primeira Profesional feminina entre o Cacereño e o Deportivo da Coruña.

Pola tarde, desde as 15.00 h, o interese estará posto no Beasaín-Ourense C. F., na ida pola permanencia na Segunda RFEF. O fútbol base que se desenvolve en Vigo e Ribeira, xunto á penúltima xornada da Preferente Galicia e o partido da Liga Asobal de balonmán entre o Cangas e o Granollers serán as outras retransmisións. Ao final do día, contra as 23.00 h, os especialistas de ‘Ao Contraataque’ pasarán consulta para analizar os resultados dos equipos galegos.

Fuente Crtvg.es