‘Sinbad’, filme inspirado no universo do irrepetible fabulador Álvaro Cunqueiro, proposta cinematográfica de ‘Clac’

0
11

Santiago, 29.4.2022.-  Na sesión deste venres, os espectadores de ‘Clac’ (22.55 h) poderán ver na G2 ‘Sinbad’, unha película inspirada no universo do irrepetible fabulador Álvaro Cunqueiro. Unha adaptación do libro ‘Se o vello Sinbad volvese ás illas’, que o escritor mindoniense escribiu a comezos da década dos 60. Foi a sexta entrega de ‘Un mundo de historias’, un cobizoso proxecto da TVG durante unha década, en colaboración coa empresa Ficción, e liderado polo escritor e lingüista Antón Dobao. Antes de ‘Sinbad’ adaptáronse textos doutros autores galegos como Cid Cabido, Álvarez Cáccamo, María Reimóndez, Darío Xohán Cabana ou Xosé Miranda nos filmes ‘Patghorobí’, ‘A biblioteca da Iguana’, ‘O bosque de levas’, ‘A Mariñeira’ e ‘O Club da calceta’.

O filme que se ofrece esta noite conta a historia dun vello que se cre o mariñeiro Sinbad, o que vén ser un trasunto literario do escritor Álvaro Cunqueiro, que, conscientemente, vivía en perpetuo estado de fantasía, onde os mitos eran a súa realidade cada día.

‘Sinbad’ rodouse en Palmeira, Ribeira, Corrubedo, Ames e Compostela, entre maio e xuño de 2011. Dirixida por Antón Dobao, contou no elenco con Xosé Olveira ‘Pico’ no dobre papel de Aurelio e Sinbad, secundado por Mariña Sampedro, facendo da pequena Sara, e tamén Sara Casasnovas, Luís Zahera e Mela Casal.

No faladoiro previo á proxección do filme, a presentadora de ‘Clac’, Tania F. Lombao, falará con Antón Dobao, quen explicará como traballou o guión do filme a partir do libro de Cunqueiro. Pola súa parte, Mariña Sampedro lembrará o que foi o seu primeiro papel no cine, aínda que, pese á idade, xa traballara en televisión. Para ela foi fundamental a coincidencia co finado Xosé Olveira ‘Pico’, a quen se referirá como un gran profesional e orador.

Esta edición de ‘Clac’ poderase ver, de novo, este sábado na franxa nocturna da TVG, despois da emisión de ‘Bamboleo’, ás 01.15 horas.

Fuente Crtvg.es