Tres días de debates económicos e sociais desde a illa da Toxa, na CRTVG

0
0

Santiago, 30.09.2020.-  O ‘II Foro La Toja-Vínculo Atlántico’, que se desenvolverá na Illa da Toxa do 1 ao 3 de outubro, poderase seguir en directo pola CRTVG. A totalidade dos relatorios transmitiranse pola G2, web e redes sociais da Corporación. Pola súa parte, a primeira canle e a Radio Galega conectarán co evento e ofrecerán entrevistas coas personalidades máis destacadas desde os distintos espazos informativos. Durante os próximos tres días, os medios públicos galegos porán o foco informativo neste espazo para a reflexión, centrado no reto económico e social do mundo tras a pandemia. As xornadas estarán presentadas pola xornalista María Solar, coordinadora dos contidos culturais da CRTVG.

O xoves, o ‘Telexornal Serán’ da Galega comezará desde un set instalado na illa da Toxa con motivo da sesión inaugural (16.30 h), en que participarán o rei Filipe VI; o presidente de Portugal, Marcelo Rebelo de Sousa, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Tamén intervirán nunha mesa, entre outros persoeiros destacados, Antonio Garamendi, presidente da CEOE, e Antonio Saraiva, presidente da Confederación Empresarial de Portugal.

Na cobertura do venres, que inicia ás 9.30 h, emitiranse, entre outras, as intervencións de Luis de Guindos, vicepresidente do Banco Central Europeo, e de tres exmáximos mandatarios: Enrico Letta, exprimeiro ministro de Italia e os expresidentes do Goberno, Mariano Rajoy e Felipe González.

Na xornada do sábado, cómpre salientar a conferencia de Josep Borrell, vicepresidente da Comisión Europea, e a mesa ‘O reto de gobernar a pandemia’, en que intervirán, exclusivamente, catro presidentes de comunidades autónomas: Juan Manuel Moreno, presidente da Junta de Andalucía; Javier Lambán, presidente do Goberno de Aragón; Emiliano García-Page, presidente da Junta de Castela-A Mancha, e Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia. Porán o ramo ao evento o presidente do Goberno, Pedro Sánchez e o presidente do Foro, Josep Piqué.

O Foro, tamén presente na Radio Galega

A Radio Galega, co equipo do ‘Galicia por Diante’ e o xornalista Alberto Rivero desprazados na Illa da Toxa, realizará unha cobertura continua do ‘II Foro La Toja’, con entrevistas e conexións en directo ao longo de toda a programación. De xeito íntegro, a emisora pública ofrecerá as sesións inaugurais e de clausura, así como a conferencia de Josep Borrell e a celebración da mesa ‘O reto de gobernar a pandemia’.

Fuente Crtvg.es