Trives é hoxe o destino de ‘Come a Comarca’, cuxos cociñeiros aprenderán a preparar empanada con fariña de castaña, guiso de tenreira e bica

0
159

Santiago, 09.06.2020.-  O programa ‘Come a Comarca’ (22.30 h) visita este mércores a comarca de Trives para coñecer os segredos da súa gastronomía e aprender a facer o menú máis tradicional da zona, composto por: empanada de polo feita con fariña de castaña, guiso de tenreira e bica de Trives.

Anxo Trives, do Hostal La Viuda, será o encargado de guiar os concursantes pola gastronomía da Terra de Trives. Estes irán xuntos á cooperativa Amarelante, en Manzaneda, a apañar castañas e ver como pasan do seu estado natural á prezada fariña. Con ela viaxarán ata San Xoán de Río, onde Carmen lles ensinará a traballala en empanada. En Chandrexa de Queixa visitarán a gandería Galupa, onde aprenderán todo sobre as carnes da tenreira, desde a súa crianza ata os mellores trucos para cociñala. E, por último, Pilar, veciña de Trives, ensinaralles a facer a sobremesa por excelencia da comarca: a bica.

Unha vez desvelados os segredos das tres receitas, os cinco cociñeiros afeccionados do programa enfrontaranse nun concurso popular, no Polideportivo Municipal de Trives, aos mellores cociñeiros da comarca facendo eses pratos: Luísa Villarino e Maribel Vázquez, da Cantina do Catro (Trives), Isabel Prada e Eliana Murias, de Casa do Agenor (Trives) e José García, da panadería Terras de Trives (Trives). A súa habilidade nos fogóns e un xurado popular composto por 15 veciños da comarca será quen decida cal é o equipo gañador desta edición de ‘Come a Comarca’.

Fuente Crtvg.es