‘Xente Marabillosa’ aborda esta semana a problemática dos calotes a persoas maiores

0
23

Santiago, 08.11.2023.-    Unha semana máis, ‘Xente Marabillosa’ continúa rompendo moldes na Televisión de Galicia. Nesta ocasión, afrontando unha problemática moi delicada, tanto para a xente que a padece como para as súas familias: os calotes a maiores. Quen non coñece alguén que sufrise unha estafa? Con todo, a maioría das persoas afectadas non denuncia nin conta a súa experiencia. A maior parte das veces, a vergoña e o medo ‘ao que dirán’ atópanse detrás desta inacción. Unha tendencia que o equipo do programa intentará inverter a través da concienciación.

O espazo capitaneado pola ourensá Lucía Rodríguez contará coa presenza do querido e admirado actor César Cambeiro, con décadas de experiencia no audiovisual galego. Ademais de actuar como padriño, achegará a súa propia experiencia sobre os calotes, un delito en continuo aumento nos últimos anos. Algo que tamén explicará o xefe do equipo @Coruña da Garda Civil.

Por outro lado, para axudar a visibilizar este tipo de fraudes e mentalizar os afectados sobre a necesidade de denunciar, emitiranse dúas novas cámaras ocultas nas que unha anciá é abordada por un falso empregado dunha compañía eléctrica. O estafador faralle crer que o seu contador está avariado e ofrecerase a solucionar o problema a cambio dun pago en efectivo. En caso contrario, quedará inmediatamente sen subministración. Por sorte para ela, dúas mulleres marabillosas evitarán o calote, defendendo a capa e espada a actriz que fai o papel de vítima.

Por iso serán recibidas no estudio de ‘Xente Marabillosa’ con todos os honores nunha noite inesquecible, chea de sorpresas, visitas de amigos e familiares das dúas protagonistas e algún que outro agasallo inesperado. Sen esquecer as actuacións musicais, que desta volta correrán a cargo da cantante de fado e compositora portuguesa María do Ceo.

Fuente Crtvg.es